COMPOSTELA ECO 2017 ABRE MAÑÁ CON CORENTA EXPOSITORES

Preto de corenta expositores e un cento de marcas, na súa maior parte procedentes de Galicia, participan desde mañá xoves no Mercado Compostela Eco 2017. A feira abrirá as súas portas na Praza Roxa ata o próximo domingo e en horario interrompido de 11 a 21 horas, e mostrará os mellores produtos ecolóxicos certificados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).

A Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia (APEGA) e a Fundación Santiago Centro, Área Comercial, organizan por segundo ano consecutivo o Mercado, ao que acoden produtores de horta fresca, tendas de produtos ecolóxicos e empresas que elaboran desde marmeladas a licores, pasando polas empanadas, o viño e a cervexa, derivados da castaña, carne de vacún, queixo, aceite, repostería e panadería, mel ou produtos de cosmética natural.

Trátase dunha aposta pola dinamización do Ensanche nunhas datas nas que veciños e visitantes enchen as rúas para celebrar a Ascensión. En consecuencia, a feira leva aparellado un completo programa de obradoiros para nenos e maiores, conferencias e xornadas de xogo. Degustacións de alimentos ecolóxicos, presentacións de produtos e xornadas divulgativas completan a proposta.

TAPAS ECOLÓXICAS

No Ensanche segue activa, ademáis, a Ruta EcoGastro de tapas elaboradas con alimentos ecolóxicos certificados, unha iniciativa na que participan 17 locais e na que colabora a Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago. Por cada tapa obtense, ademais, un boleto de regalo directo con descontos no Mercado Compostela Eco.

Amplo programa de actividades para o Mercado Compostela Eco 2017

O Ensanche de Compostela vivirá unha semana chea de actividade con motivo das Festas da Ascensión e do Mercado Compostela Eco de produtos ecolóxicos certificados. En paralelo á feira celebraranse múltiples obradoiros para nenos e maiores, conferencias e xornadas de xogo. Ademais, quen se achegue á zona moderna de Santiago no Día Grande da Ascensión poderá gozar na Praza Roxa e en Ramón Cabanillas de polbo, ofrecido polos hostaleiros da zona.

Durante todo o Mercado terán presenza as degustacións de alimentos ecolóxicos certificados no propio pavillón no que se celebra a feira. Varios dos expositores farán, ademais, presentacións públicas de produtos como empanadas, viño ou cogomelos. Dentro da programación de actividades ofrécense varias pensadas para os máis pequenos: o xoves, o sábado e o domingo haberá obradoiros de reciclaxe e de cultivo; e o venres e o sábado xogos de rúa a cargo do Centro Sociocultural e Xuvenil O Ensanche. O domingo, con motivo do Día Internacional do Xogo, prográmanse actividades específicas para bebés e nenos ata os 8 anos no centro Gaia dos Nenos.

Nenos e adultos poderán aprender a recoñecer plantas aromáticas e medicinais para despois empregalas en cosmética natural; a cultivar vexetais a través da técnica xaponesa das bolas Fukuoka; ou a cociñar receitas macrobióticas.

O programa divulgativo tamén é extenso. O Centro Sociocultural do Ensanche acollerá o sábado o Día de Apega, durante o cal a Asociación de Produtores Ecolóxicos Galegos, organizadora do Mercado xunto con Santiago Centro, presentará iniciativas como a súa Gardería de sementes (mediante a que se quere preservar as especies vexetais autóctonas cultivándoas) ou a campaña Non é o mesmo (para visibilizar o traballo dos pequenos produtores ecolóxicos locais). Nese escenario ofreceranse charlas sobre o traballo da Misión Biolóxica de Galicia ou a importancia da alimentación para a fertilidade.

O programa e horarios poden coñecerse na web de Santiago Centro, www.santiagocentro.gal.

POLBO NO DÍA GRANDE DA ASCENSIÓN

Por outra banda, locais de hostalería da rúa Ramón Cabanillas e a Praza Roxa uniranse para ofrecer un aliciente máis para visitar o Ensanche o xoves. No Día Grande da Ascensión instalarán en ambas localizacións cocedeiros de polbo, co ánimo de atraer a composteláns e visitantes na principal xornada das festas máis compostelás do ano.

APEGA

Alimentos frescos dos socios e socias da Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia.

Ramón Cabanillas, 10. Santiago.