Amplo programa de actividades para o Mercado Compostela Eco 2017

O Ensanche de Compostela vivirá unha semana chea de actividade con motivo das Festas da Ascensión e do Mercado Compostela Eco de produtos ecolóxicos certificados. En paralelo á feira celebraranse múltiples obradoiros para nenos e maiores, conferencias e xornadas de xogo. Ademais, quen se achegue á zona moderna de Santiago no Día Grande da Ascensión poderá gozar na Praza Roxa e en Ramón Cabanillas de polbo, ofrecido polos hostaleiros da zona.

Durante todo o Mercado terán presenza as degustacións de alimentos ecolóxicos certificados no propio pavillón no que se celebra a feira. Varios dos expositores farán, ademais, presentacións públicas de produtos como empanadas, viño ou cogomelos. Dentro da programación de actividades ofrécense varias pensadas para os máis pequenos: o xoves, o sábado e o domingo haberá obradoiros de reciclaxe e de cultivo; e o venres e o sábado xogos de rúa a cargo do Centro Sociocultural e Xuvenil O Ensanche. O domingo, con motivo do Día Internacional do Xogo, prográmanse actividades específicas para bebés e nenos ata os 8 anos no centro Gaia dos Nenos.

Nenos e adultos poderán aprender a recoñecer plantas aromáticas e medicinais para despois empregalas en cosmética natural; a cultivar vexetais a través da técnica xaponesa das bolas Fukuoka; ou a cociñar receitas macrobióticas.

O programa divulgativo tamén é extenso. O Centro Sociocultural do Ensanche acollerá o sábado o Día de Apega, durante o cal a Asociación de Produtores Ecolóxicos Galegos, organizadora do Mercado xunto con Santiago Centro, presentará iniciativas como a súa Gardería de sementes (mediante a que se quere preservar as especies vexetais autóctonas cultivándoas) ou a campaña Non é o mesmo (para visibilizar o traballo dos pequenos produtores ecolóxicos locais). Nese escenario ofreceranse charlas sobre o traballo da Misión Biolóxica de Galicia ou a importancia da alimentación para a fertilidade.

O programa e horarios poden coñecerse na web de Santiago Centro, www.santiagocentro.gal.

POLBO NO DÍA GRANDE DA ASCENSIÓN

Por outra banda, locais de hostalería da rúa Ramón Cabanillas e a Praza Roxa uniranse para ofrecer un aliciente máis para visitar o Ensanche o xoves. No Día Grande da Ascensión instalarán en ambas localizacións cocedeiros de polbo, co ánimo de atraer a composteláns e visitantes na principal xornada das festas máis compostelás do ano.