Vinte e cinco produtores, tendas e envasadoras participaron en Compostela ECO 2016

Vinte e cinco produtores de proximidade, tendas e envasadoras galegas participaron este ano nos Mercados Compostela Art&Eco, dándose cita na Praza Roxa nunha mostra de alimentación ecolóxica composta exclusivamente por produtos certificados. Durante os catro días ofréceuse produto fresco de horta, queixos, viños, licores e cervexas, café, doces, conservas vexetais… Durante a feira levouse a cabo na carpa desta Feira Ecolóxica Labrega unha degustación de pratos elaborados con alimentos ecolóxicos certificados, ofrecida polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia. Á cita asistiron o seu director, Javier García; e Xosé Manuel Durán Orús, da Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia, APEGA.

En paralelo, unha exposición de artesanía galega de autor levouse a cabo na Carreira do Conde. Os 30 expositores, seleccionados pola calidade das súas creacións e pola diversidade dos seus produtos, ofreceron complementos, bixutería e xoiaría, artesanía en coiro, escultura e cerámica… Obradoiros, música e unha ludoteca xigante completaron a programación.

PRESENTACIÓN DO MERCADO COMPOSTELA ART&ECO 2016

A Fundación Santiago Centro, Área Comercial presentou onte o Mercado Compostela Art&Eco 2016, que organiza para os días 5 a 8 de maio en colaboración coa Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia (APEGA) e A Cesta da Saúde. Na presentación estiveron presentes Xosé Manuel Durán, en representación destas dúas entidades; José María Fernández, presidente de Santiago Centro; e o seu secretario, Delmiro Prieto.

A iniciativa busca dinamizar o comercio do Ensanche compostelán atraendo o numeroso público que acude durante eses días ás Festas da Ascensión. Compostela Art&Eco componse de dous mercados simultáneos, un de arte e artesanía situado na Carreira do Conde e outro de produto ecolóxico certificado, que se celebrará na Praza Roxa.

A presentación logrou boa repercusión nos medios de comunicación. Entre as pezas que se poden consultar on line están esta noticia na Cadena Ser Galicia e a información elaborada por Correo TV para o seu informativo.