Vinte e cinco produtores, tendas e envasadoras participaron en Compostela ECO 2016

Vinte e cinco produtores de proximidade, tendas e envasadoras galegas participaron este ano nos Mercados Compostela Art&Eco, dándose cita na Praza Roxa nunha mostra de alimentación ecolóxica composta exclusivamente por produtos certificados. Durante os catro días ofréceuse produto fresco de horta, queixos, viños, licores e cervexas, café, doces, conservas vexetais… Durante a feira levouse a cabo na carpa desta Feira Ecolóxica Labrega unha degustación de pratos elaborados con alimentos ecolóxicos certificados, ofrecida polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia. Á cita asistiron o seu director, Javier García; e Xosé Manuel Durán Orús, da Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia, APEGA.

En paralelo, unha exposición de artesanía galega de autor levouse a cabo na Carreira do Conde. Os 30 expositores, seleccionados pola calidade das súas creacións e pola diversidade dos seus produtos, ofreceron complementos, bixutería e xoiaría, artesanía en coiro, escultura e cerámica… Obradoiros, música e unha ludoteca xigante completaron a programación.