A RUTA ECOGASTRO CONVERTERÁ O ENSANCHE NO MELLOR ESCAPARATE DO ALIMENTO ECOLÓXICO

Os locais de hostalería do Ensanche de Santiago converteranse entre os días 20 e 28 de maio nun gran escaparate da gastronomía ecolóxica galega coa celebración da segunda Ruta EcoGastro de petiscos elaborados con produtos ecolóxicos certificados. A Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia, APEGA, e a Fundación Santiago Centro, Área Comercial, organizan esta cita en colaboración coa Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago e Comarca como forma de mostrar ao público as posibilidades gastronómicas dos alimentos máis saudables.

Os bares e restaurantes participantes nesta Ruta EcoGastro elaborarán tapas, racións e pratos con prezos arredor dos 3, 9 e 12 euros, respectivamente. As propostas culinarias estarán elaboradas con alimentos certificados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) ou equivalentes noutras comunidades.

A inscrición para locais de hostalería interesados atópase aberta. Para máis información, poden dirixirse ao mail info@compostelaeco.com. A organización facilitará aos establecementos participantes dun listado de provedores nos que facerse cos ingredientes necesarios.

A Ruta EcoGastro coincidirá no seu tramo final coa segunda edición de Compostela ECO, o Mercado Ecolóxico que se celebrará de novo na Praza Roxa de Santiago de Compostela entre os días 25 e 28, dedicado a este tipo de produtos. Esta cita está dirixida exclusivamente a produtores con certificación, sexan de horta fresca, tendas ou elaboradores, transformadores ou envasadores.

Estes dous eventos coinciden coa fin de semana das Festas da Ascensión, as máis populares da cidade e unhas datas nas que milleiros de persoas visitan a capital de Galicia. Levarán aparelladas accións de divulgación, formación e debate sobre produción ecolóxica, alimentación e vida sa; e música e actividades lúdicas para nenos e adultos. Atópanse enmarcadas nas actividades de primavera no Ensanche que promove Santiago Centro, entre as que ademais se contan o desfile Moda a pé de rúa do día 19 de maio; a Festa do Comercio do día 27; e o Mercado Compostela ART, de artesanía, xa para o mes de xuño.

Santiago Centro presenta as súas actividades de primavera

A Fundación Santiago Centro, Área Comercial, presentou esta mañá no Concello de Santiago unha serie de accións destinadas a dinamizar as rúas e prazas do Ensanche de Santiago, atraendo a veciños e turistas. As actividades coinciden en parte coa celebración das Festas da Ascensión. Na rolda de prensa estiveron presentes a concelleira de Comercio, Marta Lois; o presidente de Santiago Centro, José María Fernández; e o presidente da Asociación de Produtores Ecolóxicos Galegos (APEGA) e patrón da Fundación, Xosé Manuel Durán.

“Queremos que o Ensanche, tanto os seus comerciantes coma os seus veciños, se impliquen a fondo na celebración más compostelá do ano”, explicou Fernández. O éxito das actividades no 2016 animou á fundación a repetir e aumentar programación este exercicio, afirmou.

Estas son as actividades que levará a cabo Santiago Centro nos meses de maio e xuño dentro da programación Ensanche Primavera 2017:

-Desfile Moda a Pé de Rúa (venres 19 de maio, rúa Xeneral Pardiñas). Desfile ao aire libre de moda, calzado, complementos, coidado persoal, tecnoloxía… no que participan os establecementos do Ensanche.

-Ruta EcoGastro 2017 (do 20 ao 28 de maio). Promovida en colaboración coa Asociación de Hostalaría de Santiago e Comarca, trátase dunha ruta de tapas realizadas con alimentos ecolóxicos certificados, en establecementos hostaleiros do Ensanche.

Compostela Eco 2017 (do 25 ao 28 de maio na Praza Roxa). Mercado de alimentación ecolóxica certificada, convocado conxuntamente pola Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia, APEGA, e a Fundación Santiago Centro. Exposición comercial cuns vinte expositores de produtores de proximidade, tendas, elaboradores, transformadores e envasadores. Actividades de divulgación.

-Festa do Comercio 2017 (sábado 27 de maio). Os establecementos do Ensanche saen á rúa con ofertas e propostas lúdicas e de animación.

-Compostela ART 2017 (1 ao 20 de xuño, Praza Roxa), mercado de artesanía e obxectos singulares.

Caurelor

Marmeladas, castañas secas e en almibar, mel de castiñeiro, zumes, castañas secas.

Santa Eufemia 21. Folgoso do Caurel (Lugo).